Spaihts deixa a série de Dune

474

Mesmo aínda que o filme non se vai estrear até dentro de mais dun ano e que non existe ningún material rodado, a Warners ten tanta confianza no éxito de Dune, o vindeiro filme do canadiano Denis Villeneuve, que xa están a preparar unha série de televisión que servirá coma secuela e mesmo teñen xa un título: Dune: The Sisterhood. A série emitirá-se polo servizo de streaming HBO Max.

Até agora a série contaba con Jon Spaihts coma guionista encargado de escribir o episódio piloto, de servir coma produtor executivo e coma showrunner. El e mais Villeneuve son os guionistas do filme, que chegará ás salas de cinema o 18 de decembro de 2020. Pero segundo as últimas novas, a HBO Max decidiu desafacer-se de Spaihts dicindo que non están contentos con como está a resultar o guión, polo que van mover-se noutra dirección cun novo responsábel, aínda por decidir. Villeneuve tiña a misión de dirixir ese episódio piloto, pero agora tampouco isto está moi claro.

Pola súa banda, Spaihts poderá adicar-se en exclusiva decontado ao guión da aínda non anunciada pero xa agardada segunda parte do filme Dune, que adaptará a segunda metade das novelas de Frank Herbert.

Dune: The Sisterhood será unha série con protagonistas maiormente femininas, ambientada no universo do filme e enfocada nas Bene Gesserit, a orde de mulleres que posúen poderes case sobrenaturáis e que están entre as mais respectadas e temidas do universo.