O realizador Mike Flanagan, cuxo filme Doctor Sleep chegou ás salas de cinema esta semana con moito menos éxito do previsto, é un especialista en adaptar novelas de Stephen King (Gerald’s Game na Netflix é a súa outra obra), pero entre estas dúas películas, Flanagan traballou asemade noutro proxecto, a antoloxía de terror The Haunting of Hill House, cuxa primeira tempada estaba mais ou menos inspirada pola novela homónima de Shirley Jackson.
Agora o director está a desenvolver a segunda tempada da devandita série, The Haunting of Bly Manor, da que sabemos que estará baseada en The Turn of the Screw, a clásica novela de terror gótico orixinal de Henry James. Pero Flanagan asegura que a série irá moito mais aló da obra de James:
“A cousa á que teño acceso, que ningunha outra adaptación de The Turn of to the Screw ten, é o resto das histórias de pantasmas de Henry James. Teño que usa-las todas. The Turn of the Screw foi adaptada moitas veces. Sabemos que encaixa perfectamente dentro do formato de longametraxe. Nós imos facer unha série de televisión enteira.
Eu penso en Turn of the Screw coma a columna vertebral desta tempada, a liña central que nos leva do princípio ao final. Pero imos sacar mais de The Jolly Corner e The Romance of Certain Old Clothes e de moita mais desas marabillosas histórias de pantasmas que o público non viu adaptadas anteriormente.
Todo está envolto no que semella ser familiar, pero esa familiaridade afásta-se axiña no primeiro episódio. E dí, xa estamos noutro camiño totalmente distinto“.
A novela The Turn of the Screw, traducida ao galego coma Outra volta de rosca, foi adaptada ao cinema moitas veces, pero se cadra a de mais sona foi no filme The Innocents, e mesmo para o ano que ven hai prevista outra versión, a dirixida por Mackenzie Davis e que se titulará simplemente The Turning.
Para a segunda tempada de The Haunting agárda-se que moitos dos actores do reparto orixinal regresen, ainda que por suposto non será nos mesmos papéis. A estrea será o ano que ven na Netflix.