She-Hulk e Moon Knight, os seguintes na Marvel

Unha das grandes ideias da Marvel para os vindeiros anos é aproveitar a nova canle Disney+ para integrar as narracións das súas séries e das súas longametraxes, de tal xeito que sexa necesários seguir todas elas para poder comprender os argumentos na súa totalidade. Dentro deste proceso, a Marvel TV xa recuperou os dereitos sobre persoaxes que estaban no poder doutras empresas, coma a Netflix, a Freeform ou a ABC.

No pasado agosto xa se anunciou que na denominada “Fase 4” do Universo Cinemático da Marvel habería tres séries de televisión con persoaxes que até agora nunha deran o chimpo ás pantallas: Ms. Marvel, She-Hulk e Moon Knight.

Esta semana soubemos que a guionista de Rick & Morty e gañadora dun Emmy Jessica Gao será a encargada de desenvolver e liderar a equipa creativa de She-Hulk. Ademais, o responsábel da série The Umbrella Academy, Jeremy Slater, fará o própio con Moon Knight.

Nos cómics, Moon Knight é Marc Spector, un vingador enmascarado que foi un mercenário deixcado por morto e resucitado por Khonshu, a antiga deusa exípcia da Lúa, a cámbio de se converter no seu avatar na Terra. Marc regresa a New York para se converter nun empresário millonário e superheroe, pero tamén sofrirá dun trastorno de identidade disociativo.

Pola súa banda, She-Hulk é a curmá de Bruce Banner, que acada unha versión un pouco inferior dos superpoderes de Hulk, converténdo-se nunha persoa xigante, verde e poderosa, pero retendo esencialmente a súa anterior persoalidade, incluíndo a súa intelixéncia e mais o control sobre as súas emocións.

O xefe da Marvel Studios Kevin Feige confirmou pola súa banda que os tres persoaxes aparecerán en filmes na pantalla grande despois de debutaren na tele, co que deixa claro que non será nada doado pasar directamente ao cinema sen antes ver a série en Disney+ ou cando menos, ler-se na Wikipédia o seu argumento.

Black Widow será a seguinte película da Marvel nas salas de cinema, e chegará o ano que ven no mes de maio.