Chapter 1

Certamente ten moito de máxico comezar ver unha série nova, e se esa série comeza co logo de Star Wars, daquela a máxia está asegurada. Ainda que neste caso, The Mandalorian presentou-se hai tanto tempo e levaba tanto tempo na boca dos fans e da prensa, que todo semellaba indicar que sería doado decepcionar aos espectadores.

O mandalorián protagonista é un misterioso caza recompensas que vai por aí pegando tiros nas tavernas, montando animais no deserto e desafiando aos poderosos. Se isto vos soa a un Western no espazo, é porque é exactamente iso.

A nosa primeira impresión é que este é un produto de consumo rápido para a nova canle Disney+, sen pretensións de encaixa-lo definitivamente no universo de Star Wars, cun protagonista que relembra moito ao Virxiniano (os mais novos non poderedes recoñecer esta referéncia, pero era o misterioso protagonista dunha série de western dos anos 70) e que fará gozar especialmente aos fans de Boba Fett, ese persoaxe da franquía Star Wars que é aprezado polo público americano por motivos non demasiado claros.

Claro que as impresións están para desaparecer, e aínda que a sensación de que este é un Western non moi ben pensado continúe ao remate do primeiro episódio, a ideia de que non vai encaixar no universo de Star Wars desfai-se coa sorpresa final, directa ao corazón dos fans.