A Paramount quere a Noah Hawley para Star Trek 4

A Paramount Pictures está a tentar pechar un acordo con Noah Hawley, o creador e showrunner de Legion, para que escriba e dirixa a vindeira película da franquía de Star Trek, que el mesmo tamén produciría por médio da súa compañía, o selo 26 Keys, xunto á Bad Robot de J.J. Abrams.

O filme de Hawley non sería nin un relanzamento nin un filme autoconclusivo, senón a cuarta entrega da actual saga da nave espacial Enterprise liderada por Chris Pine, Zachary Quinto, Zoe Saldana, Simon Pegg e Karl Urban.

Hawley fixo o seu debut coma director este pasado outono co filme Lucy in the Sky, que tivo unha estrea de alto nivel pero que fracasou totalmente con críticas bastante malas. É a primeira vez que un proxecto de Hawley non conta co visto bó da crítica. Actualmente está a producir a cuarta tempada da série de televisión Fargo.

O novo filme de Star Trek será a continuación de Star Trek Beyond, dirixido en 2016 por Justin Lin. A franquía ten pendente arestora un proxecto persoal de Quentin Tarantino, do que non se sabe moito pero que dende logo non está a progresar con moita velocidade. O impacto da cuarta entrega da saga nese proxecto non está tampouco moi claro.