Os produtores Channing Tatum e Roy Lee van-se asociar para adaptar ás pantallas (aínda non se sabe se de cinema ou da televisión) o cómic de culto de Sam Kieth The Maxx, por médio das súas respectivas compañías, a Free Association e a Vertigo Entertainment.
A editorial Image Comics publicou a novela gráfica orixinal a princípios dos anos 90, para contar a história dun home que aparece tanto no mundo real coma nunha realidade alternativa chamada Panxea (“Outback” no orixinal). No mundo real, é un vagamundo sen teito que vive nunha caixa. En Panxea, é un poderoso superheroe enmascarado encargado de protexer á Raíña Leopardo.
No mundo real, a devandita raíña é unha traballadora social chamada Julie Winters que ten por misión a de axudar aos mendigos, pero non sabe da existéncia da realidade alternativa e dos perigos que isto podería implicar na súa vida.
Kieth, Tal Vigderson, Reid Carolin e Peter Kiernan serán os produtores. O cómic xa inspirou unha obra de teatro para a rádio e mais unha série de debuxos animados de 13 episódios na MTV que mesmo gañou un prémio Annie en 1995.