D.C. Fontana, unha das guionistas pioneiras da ciéncia-ficción na televisión, especialmente da saga de Star Trek, morreu o luns aos 80 anos de idade após dunha breve enfermidade e acompañada do seu marido, o gañador dun Oscar aos millores efectos especiais Dennis Skotak, segundo deu a coñecer o American Film Institute nun comunicado. A CBS Studios e mais a produtora de Star Trek confirmaron a triste nova.
Dorothy Catherine Fontana acostumou-se dende moi cedo a ver en pantalla só as súas iniciais D.C. porque nos anos 60 era case imposíbel para unha muller aparecer coma creativa nun mundo dominado por homes, así que tivo que aceptar que se agocha-se o seu nome completo nos títulos de crédito. Nombergantes ela foi, de feito, e só por atrás de Gene Roddenberry, a verdadeira creadora da série e modeladora do seu universo, e moi especialmente do persoaxe de Spock.
Fontana escribiu ou co-escribiu algúns dos millores episódios da série orixinal, que se emitiu dende 1966 até 1969, e canda Roddenberry escribiu o primeiro episódio do relanzamento da saga Star Trek: The Next Generation en 1987. Ela comezou coma secretária de Roddenberry cando este creou a série The Lieutenant, que só durou unha tempada na tele. E cando creou Star Trek, encargou-lle a Fontana escribir o guión para o segundo episódio, Charlie X, sobre un adolescente con poderes especiais que xera o caos a bordo da USS Enterprise após de ser rescatado dunha nave mercante destruída.
Pero a grande laboura de Fontana foi o seu sinificativo desenvolvemento do persoaxe de Mr. Spock, o vulcanián que loita por reprimir os seus sentimentos e as súas emocións humáns. “Dalgún xeito Spock falaba comigo por mor dos seus problemas persoais“, dixo Fontana nunha entrevista coa SyFy en 2016. “Como ser vulcanián? Como ser humán?“.
Fontana continuou moldeando a Spock no episódio Journey to Babel, que presentou aos persoaxes do seu pai vulcanián e a súa nai humán que aparecerían logo moitas mais veces ao longo das histórias de Star Trek, personificando as dúas metades en conflito da súa vida. “Comecei especulando con que clase de vulcanián casaría cunha humana, que clase de relación terían entre eles e con seu fillo“, dixo Fontana a comezos de 2000 nunha entrevista co historiador Marv Wolfman.
E cando após 20 anos Roddenberry reviviu Star Trek na televisión en The Next Generation, encargou-lle persoalmente a Fontana que desenvolvese o guión do episódio piloto, Encounter at Farpoint. Nunha entrevista en 2007, ela dixo que elixiu incluír a DeForest Kelley coma convidado sorpresa no seu papel do Dr. McCoy da série orixinal porque quería que a nova série tivese unha conexión coa antiga.
Fontana escribiría dous episódios mais de The Next Generation, e tamén capítulos ou histórias para Deep Space Nine, así coma para as versións en videoxogos e para a série de debuxos animados da saga.
No eido do fantástico, ademais de Star Trek, Fontana conta con créditos en moitos episódios de séries clásicas da televisión coma The Six Million Dollar Man, The Fantastic Journey, Buck Rogers in the 25th Century, The War of the Worlds, Babylon 5, Earth: Final Conflict e especialmente en Logan’s Run, série da que ela sería a editora creativa.
O seu derradeiro traballo coma guionista foi en To Serve All My Days, un episódio da série Web Star Trek: New Voyages aparecido en 2006 e no que Walter Koenig repetía o seu papel de Chekhov. E mais recentemente e até o seu pasamento, foi conferenciante no American Film Institute.
Fontana recebiu dúas veces o prémio ao traballo dunha vida, en 1997 e tamén en 2002, de mans do sindicato de guionistas dos Estados Unidos, a Writers Guild of America.