Tan só uns días despois do pasamento de D.C. Fontana, a família de Star Trek recibe outra triste nova: Rene Auberjonois, o inesquecíbel Odo de Star Trek: Deep Space Nine, morreu onte na súa casa de Los Angeles por mor dun cancro pulmonar aos 79 anos de idade, segundo confirmou o seu fillo Rèmy-Luc nun comunicado.
Auberjonois pasou a súa infáncia viaxando entre New York, onde nacera; París, onde decidiu converter-se en actor; e Londres, onde rematou os seus estudos. A súa vida estivo sempre vencellada ao arte: coma actor de teatro, cinema e televisión, director, dobrador, narrador de audiolibros, pintor, fotógrafo e mesmo coma chef de cociña.
Auberjonois foi un actor de televisión moi prolífico e participou en moitísimas séries, entre outros fixo os papéis de Paul Lewiston en Boston Legal, Clayton Runnymede Endicott en Benson e o do pai Mulcahy en M.A.S.H., co que gañou o Emmy en 1984. Pero o rol polo que sempre será relembrado polos afeccionados foi o do metamorfo Odo, o xefe de seguridade da estación espacial na série Star Trek: Deep Space Nine, que interpretou durante sete tempadas e da que foi director en oito episódios.
Coma actor convidado, participou en séries coma The Outer Limits ou Stargate SG-1, e no cinema foi parte do elenco de moitos filmes: Star Trek VI: The Undiscovered Country, King Kong ou Batman Forever, entre outros. No teatro, onde comezara a súa carreira, gañou un Tony en 1970 ao millor actor nun musical con Coco (onde estivo acompañado por Katharine Hepburn). A súa voz foi de feito unha das súas grandes virtudes e é ben recoñecíbel coma Chef Louis en The Little Mermaid ou coma o pai de Mia Thermopolis en The Princess Diaries. Ademais prestou-lla ao seu persoaxe Odo nos videoxogos Harbinger e The Fallen.
Ademais de seu fillo, sobreviven-lle a súa muller, a escritora Judith Auberjonois, coa que levaba casado 56 anos; as súas irmás Marie-Laure Degener e Anne Auberjonois; a súa filla Tessa Auberjonois, e mais tres netos.