Fleischer, candidato para Uncharted

40

O realizador de Venom e Zombieland, Ruben Fleischer, ven de se converter no máximo candidato a se facer co posto de director de Uncharted, a longamente agardada adaptación ao cinema pola Sony Pictures do popular videoxogo do mesmo nome.

Polo de agora aínda non hai un acordo pechado, pero seica Fleischer está á cabeza na lista de candidatos que a Sony ten en consideración, e segundo fontes internas, “o posto é seu se el o quere“.

Tom Holland será o protagonista, no papel dun mozo Nathan Drake, un cazador de tesouros ao xeito de Indiana Jones que percorre o mundo no seu jet á procura de artefactos valiosos canda o seu amigo e mentor Sully (Mark Wahlberg). Rafe Judkins, Art Marcum e Matt Holloway escribiron o guión.

Para este traballo xa pasaron nada menos que seis directores, entre os que se atopan os nomes de David O. Russell, Neil Burger, Shawn Levy e o mais recente, Travis Knight.

A Sony quere comezar a rodar o filme cantos antes, para evitar que Holland comprometa a súa axenda cunha nova película de Spiderman a finais deste ano.