A nova Star Trek será autoconclusiva

9

O creador e showrunner da série Legion, Noah Hawley, ven de confirmar que en canto remate a cuarta tempada de Fargo, volverá a súa atención cara ao filme de Star Trek que está a desenvolver para a Paramount Pictures.

Hawley dixo que o seu obxectivo é concentrar-se en Star Trek tan axiña coma sexa posíbel, pero tamén deixou ver que este novo filme non gardará relación co resto da franquía e estará separado dos outros tres filmes producidos pola Bad Robot e mais da série de televisión da CBS All Access:

Teño o meu própio punto de vista sobre Star Trek, e vou regresar ao que me gustaba da série Next Generation. Mentres que moitas franquías céntran-se en “facer as cousas ben”, Star Trek vai sobre exploración espacial e o millor da humanidade, a diversidade e a resolución creativa de problemas.

Non hai nada millor que ese intre no que William Shatner pon-se as súas gafas de lér e baixa os escudos de Khan. Non custa ren. Pero é ese sentimento de triunfo de bater ao teu inimigo sendo mais listo ca el.

Para min, o tema é conseguir eses elementos do programa. Eu non atopo necesáriamente interesante a acción por si mesma a menos que teña unha história atrás. Así que será coma nos vellos tempos, aínda estou a falar coa Paramount, teño unha oportunidade e teño que escribir un guión“.

Preguntado sobre se Chris Pine e mais a súa tripulación da Enterprise van regresar, dixo: “Non-o sei, pero novos persoaxes sinifican a decote novos actores“.

Agora que a CBS e a Viacom están unificadas de novo, non sería raro que houbera un intento de unir nunha mesma liña os programas Star Trek Discovery e mais o vindeiro Picard con este novo filme, pero Hawley dixo que serán cousas distintas: “Non hai unha obriga da Paramount por conecta-las. E nalgúns nivéis, hai coma unha parede. A versión de televisión e mais a versión do cinema. Eu teño unha história própia e quero asegurar-me coma fixen con Fargo e Legion que son respectuoso co material orixinal. Que non estou a cambiar cousas sen intención que lle gustan á xente ou pola que senten paixón. Así que é importante facer esa investigación sobre a marcha“.

Hawley tamén dixo que continúa vencellado á adaptación da novela de ciéncia-ficción de Kurt Vonnegut Cat’s Cradle, pero é improbábel continuar “nunha era pos-adquisición pola Disney… non sei se podo facer este traballo nun ambiente corporativo“. Finalmente, asegurou que a Marvel non contactou con el para o seu proxecto de filme sobre o Doutor Doom.