Tan só unha semana antes da súa estrea, a canle CBS All Access ven de renovar oficialmente para unha segunda tempada a série Star Trek: Picard.
O anúncio fíxo-se hoxe no decurso dunha rolda de prensa na Asociación de Críticos de Televisión en Pasadena, pero xa levaba rondando dende a semana pasada cando se soubo que a segunda tempada viña de recebir un creto de 20 millóns de dólares en impostos para se rodar no estado de Califórnia, o que supón un récord que ningunha outra série recebiu nunca na história deste programa estatal de exención de impostos.
A primeira tempada consiste en dez episódios, pero polo de agora non se sabe cantos terá a segunda ou cando estará en antena. O produtor Alex Kurtzman agarda que sexa a finais de 2020 ou comezo de 2021.
O escritor Michael Chabon foi o showrunner da primeira tempada, pero moi probabelmente dará un paso atrás para a segunda, por mor dos compromisos adquiridos para a súa própia obra literária The Adventures of Kavalier & Clay, que tamén debutará na televisión.
Patrick Stewart, Santiago Cabrera, Michelle Hurd, Isa Briones, Alison Pill, Harry Treadaway e Evan Evagora forman o elenco de protagonistas desta série, que tamén conta coa aparición estelar de vellas glórias de Star Trek, entre outros Jonathan Frakes, Brent Spiner, Marina Sirtis, Jeri Ryan e Jonathan Del Arco.
Ne mesma rolda de prensa informou-se que a terceira tempada de Star Trek: Discovery non chegará até a segunda metade do ano, e que a comédia de debuxos animados Star Trek: Lower Decks tamén debutará a finais deste mesmo ano.