Chucky, directo á tele

A canle Syfy ven de encargar a produción de Chucky, unha nova série de televisión que versionará a clásica série de terror Child’s Play, baseándo-se na franquía orixinal do seu creador Don Mancini.

A série explorará o terror que aparece nunha pequena e idílica vila americana cando o boneco diabólico apareza nunha típica venda de garaxe e o caos que se producirá deseguido cando comece unha cheia de terríbeis asasinatos que expoñan os segredos e mais a hipocresía da vila.

Mentres tanto, a chegada de inimigos e aliados do pasado de Chucky ameazará con expoñer a verdade que se agocha após dos asasinatos, así coma as orixes nunca narradas do boneco. Mancini escribirá o guión, será o produtor executivo e showrunner, e ademais dirixirá o episódio piloto.

Polo de agora non se sabe con cantos episódios contará esta série nin a súa data de estrea. A Syfy ten aínda pendente de anunciar o desenvolvemento dunha série limitada titulada The League of Pan, que é unha secuela do clásico Peter Pan e que se centra no grupo de rapaces que non quixeron medrar.