Pouco a pouco van-se coñecendo mais detalles sobre a que será a nova série de televisión que a canle HBO Max está a preparar baseada en Lanterna Verde, e que contará coa produción do auténtico especialista nos persoaxes da DC Greg Berlanti.
Sarah Aubrey, a directora de contidos da HBO Max, confirmou onte nunha rolda de prensa na Asociación de Críticos de Televisión que a série abranguerá várias décadas e enfocará-se “nas histórias da orixe dos dous principais Lanternas Verdes da Terra“. Ademais tamén haberá espazo para unha liña argumental que tratará sobre o supervilán Sinestro.
Non está aínda claro se a nova série terá algún impacto sobre o filme, longamente agardado, Green Lantern Corps, pero en princípio é algo improbábel. E que dous Lanternas Verdes son os mais salientábeis tampouco está moi claro, se ben os dous candidatos mais fortes son Hal Jordan e John Stewart, sen descartar por suposto a Guy Gardner.
Berlanti está asemade a desenvolver a série antolóxica de superheroes da DC Strange Adventures, que presentará coma protagonistas a diferentes persoaxes da editorial, así coma unha adaptación de Booster Gold para a pantalla grande.