Oscar Isaac protagonizará A Grande Máquina

Unha das principáis estrelas da recentemente rematada terceira triloxía de Star Wars, Oscar Isaac, ven de pechar un acordo polo que non só será o protagonista, senón tamén o produtor, da vindeira fita de ciéncia-ficción The Great Machine para a Legendary Entertainment.

O filme é unha adaptación do multipremiado cómic Ex Machina orixinal de Brian K. Vaughan, e non debe ser confundido co celebrado filme do mesmo título de 2014 dirixido por Alex Garland e protagonizado precisamente polo mesmo Isaac.

A história vai sobre Mitchell Hundred (Isaac), un antigo superheroe que se converte no Alcalde de New York despois dos atentados terroristas do 11 de setembro de 2001. Hundred tiña o superpoder de falar coas máquinas, pero agora está mais preocupado polos asuntos do governo e o liderado político que polas fazañas dos superheroes.

Anna Waterhouse e Joe Shrapnel están arestora a escribir o guión, que Isaac producirá xunto a Jason Spire e mais Vaughan.

A Isaac verémo-lo ademais a finais deste ano noutro filme de ciéncia-ficción, a moi agardada fita Dune.