Mortal Kombat en debuxos animados

827

A popular franquía de Mortal Kombat non só vai contar axiña cun relanzamento no cinema con acción real, senón que a Warner Bros. Animation ven de anunciar a produción de Mortal Kombat Legends: Scorpion’s Revenge, unha fita de debuxos animados que aparecerá directamente no mercado de disco e VOD.

O director de Batman: Assault on Arkham e Justice League: Throne of Atlantis, Ethan Spaulding, será o encargado de realizar ente proxecto a partir dun guión do veterán Jeremy Adams (Supernatural). O filme ten previsto chegar ao mercado xa na primeira metade deste mesmo ano.

Joel McHale (Community) e mais Jennifer Carpenter (Dexter) serán quen empresten as súas voces a Johnny Cage e Sonya Blade respectivamente. E canda eles estarán Jordan Rodrigues coma Lui Kang, Patrick Seitz coma Scorpion/Hanzo Hasashi, Steve Blum coma Sub-Zero, Artt Butler coma Shang Tsung, Darin De Paul coma Quan Chi, Robin Atkin Downes coma Kano, David B. Mitchell coma Raiden, Ike Amadi coma Jax Briggs, Kevin Michael Richardson coma Goro, Grey Griffin coma Kitana e mais Satoshi Hasashi.

Pero os fans de Mortal Kombat aínda teñen mais que celebrar, porque a NetherRealm Studios ven de lanzar hoxe mesmo o tráiler para un novo DLC do seu videoxogo Mortal Kombat 11, no que loitarán Joker contra Killer Croc. Este paquete de expansión estará dispoñíbel xa a partir do 28 de xaneiro.