A Capitana Marvel regresará en 2022

16

A secuela de Captain Marvel está xa oficialmente en marcha. A prometedora guionista Megan McDonnell, unha dos membros da equipa de escritores da vindeira série da Marvel TV WandaVision, está a negociar a súa incorporación ao proxecto, no que sería a encargada de escribir o guión que continuase as aventuras do filme de 2019 Captain Marvel protagonizado por Brie Larson e Samuel L. Jackson.

Anna Boden e Ryan Fleck, que co-escribiron e dirixiron o filme orixinal, non regresarán para a secuela, pero si que seguen a bordo da Marvel e xa se fala de que poderían dirixir unha das séries que están en preparación na Disney+.

A Marvel planea atopar unha directora para Captain Marvel 2 e contan con poder estrear ao longo de 2022. A nova história mudaría os acontecementos dende os anos 90 que se viron no primeiro filme até os nosos tempos.

Nicole Perlman, Meg LeFauve, Geneva Robertson-Dworet, Boden e Fleck foron os escritores que nun intre ou outro tiveron algo que ver co desenvolvemento do guión da película orixinal, pero desta volta agárda-se que a equipa sexa totalmente nova.

O filme en todo caso terá unha salientábel barreira que superar, a dos 1.100 millóns de dólares recadados pola primeira entrega en todo o mundo.