Hilary Swank, a Residente

0
165

Hilary Swank será a protagonista de The Resident, un thriller disposto para se rodar o vindeiro mes de maio polo novamente reconstituido selo da Hammer Films.

Antti J. Jokinen fará o seu debut na dirección e contará cun guión que el mesmo escribiu xunto a Robert Orr. Erin Cressida Wilson (Secretary) entregou hai uns días unha nova versión do mesmo libreto.

O filme, que comezará a se rodar axiña, está totalmente financiado pola HS Media, a empresa nai da Hammer e da Spitfire Pictures.

Swank interpretará a unha médico que se muda a un loft en Brooklyn, onde comezará a sospeitar que non está soa na súa nova casa e descubre que o seu caseiro é un espreitador.

Os copresidentes da Hammer Simon Oakes e Nigel Sinclair producirán xunto a Guy East, que distribuirá o filme en todo o mundo a través da Exclusive Film Distribution. Tobin Armbrust, Alex Brunner, Tom Lassally e Swank serán os produtores executivos.

O finés Jokinen só dirixira até agora vídeos musicais para Will Smith, Beyonce, Eminem, Korn e Celine Dion, e é o cofundador da Solar Films, a produtora de cinema e televisión mais grande de Finlándia. No seu país de orixe tamén dirixiu e guionizou algúns episódios de séries de televisión.

The Resident é a segunda produción da renacida Hammer Films, despois de que producira The Wake Wood en Irlanda, un filme de baixo orzamento.