A Amazon desenvolverá Fear Agent

605

A Amazon ven de obtér unha salientábel vitória na competida poxa contra a Peacock, a HBO Max e mais a a TNT para se facer cos dereitos de produción da emblemática série de cómic Fear Agent, orixinal de Rick Remender, e converte-la asemade nunha série de televisión. Xa en xullo de 2009 a Universal Pictures tentara desenvolver un filme baseado no cómic, pero finalmente aquel proxecto non saiu adiante.

Fear Agent é orixinalmente unha série de ciéncia-ficción debuxada por Tony Moore e mais o filipino Jerome Opena, que até 2018 foi publicada pola Dark Horse Comics e actualmente o é pola Image Comics. O seu protagonista é un aventureiro espacial alcohólico, violento e malfalado, o texano Heathrow Huston, o derradeiro “Fear Agent”, que vive aventuras cheas de acción e terror mentres tenta esquecer a guerra alieníxena que destruiu a Terra e matou á súa família.

A equipa composta polos produtores Seth Rogen, Evan Goldberg (The Boys, Preacher) e Matt Tolmach (Spider-Man: Homecoming) e polo director David F. Sandberg (Shazam) unirá-se neste proxecto, que contará para o episódio piloto co guionista Mattson Tomlin (The Batman).

Remender e mais Moore serán os produtores executivos xunto a Lotta Losten, David Manpearl e James Weaver.