A Blumhouse e a Universal conxelan o inferno

22

A Blumhouse e mais a Universal Studios van-se asociar para faceren conxuntamente Frozen Hell, unha nova versión da história orixinal que levaron ao cinema Howard Hawks en 1951 coa longametraxe The Thing from Another World e especialmente John Carpenter en 1982 co seu emblemático filme The Thing.

Ambos filmes, xunto á precuela de 2011, teñen a súa orixe en Who Goes There?, unha novela curta escrita en 1938 por John W. Campbell Jr. para a revista Astounding Science Fiction.

En 2018, John Betancourt anunciara o descubrimento de Frozen Hell, unha versión estendida da devandita novela curta que nunca até entón se fixera pública. Seica a obra publicada de Campbell era realmente unha versión resumida dunha novela mais longa que non tivo mais remédio que acurtar para que lla publicasen, co que no proceso se perdeu moito contexto e moito da história de transfundo.

Coma resultado, o manuscrito orixinal ficou perdido e sen publicar durante décadas. Betancourt dirixiu-se á Web Kickstarter para obter fondos cos que editar a novela, unha história que trata dunha equipa de científicos que viaxan á Antártida e que descobren un terrorífico monstro mutante capaz de cambiar de forma.

Esta semana, Betancourt e mais o produtor Alan Donnes ofreceron unha actualización do proxecto, e Betancourt dixo en Kickstarter: “A película será da Universal e a Blumhouse. Todo o mundo está super emocionado con ela, e xa está a se por en marcha axiña“.

Nun post que seica logo foi borrado en Facebook, Donnes engadiu: “É oficial. Xa recebín o meu contrato asinado e mais o meu primeiro cheque. Son o produtor executivo do remake de THE THING pero con capítulos adicionais da novela orixinal de John Campbell, Frozen Hell, que levaba décadas perdida. Agora, por primeira vez, a visión completa de Campbell levará-se á pantalla grande. O novo filme incluirá o millor da fita da RKO The Thing from Another World, do clásico de John Carpenter The Thing, e ambos libros, Frozen Hell e Who Goes There?“.