O Corvo volve ao desenvolvemento

O longamente agardado relanzamento da franquía de The Crow volve resucitar unha vez mais.

Após de moitos intentos de facer unha nova versión do clásico cómic de James O’Barr e de pasar grande parte dos últimos dez anos decidindo se o protagonista debía ser Bradley Cooper, Jack Huston, Luke Evans ou Jason Momoa, e cando este último e mais o director Corin Hardy (The Nun) estaban por pechar un acordo coa Sony, a compañía cancelou o proxecto hai dous anos xusto antes de entrar en produción.

Pero as cousas seica volven cambiar e o proxecto está de volta en desenvolvemento. A Davis Films, a Highland Film Group e a Electric Shadow, que xa tiñan anteriormente un acordo para financiar e distribuír o filme, continúan vencellados, pero Momoa, Hardy e a Sony Pictures fican fóra.

A longametraxe tentará ser unha adaptación mais directa do cómic de 1989 cá da película de 1994 que protagonizou Brandon Lee, morto por mor dun desgrazado accidente durante a produción.

A história centrará-se daquela no músico Eric Draven, quen na noite antes da súa voda, é asasinado xunto á súa noiva por membros dunha brutal banda de criminosos. No aniversário da súa morte, Eric é devolto á vida e fai-se co cargo do vingador sobrenatural O Corvo, coa misión de perseguir aos asasinos responsábeis da súa morte.