Taron Egerton e Scarlett Johansson poderían ser os protagonistas dunha nova versión para o cinema do clásico Little Shop of Horrors que prepara a Warner Bros. Pictures.
As conversas sobre o proxecto comezaron xa en 2016, con Greg Berlanti coma director e Matthew Robinson a cargo do guión. Egerton, quen ven de protagonizar Rocketman após de facer un papel de acción na saga de Kingsman, podería ser daquela o vindeiro Seymour Krelborn, o aparvado axudante de florista dominado por unha misteriosa flor asasina doutro mundo. A participación nun musical non sería algo novo para el, porque xa o fixo nos teatros de Inglaterra entre 2005 e 2013.
Pola súa banda, a Scarlett Johansson ofrecéron-lle o papel de Audrey Fulquard, a compañeira e namorada de Seymour. Os rumores indican asemade que Billy Porter podería ser quen lle puxera a voz á pranta comedora de carne. Pero polo de agora non hai ren asinado e todo está fóra das confirmacións oficiais.
Little Shop of Horrors xurdiu en 1960 coma longametraxe orixinal do director Roger Corman e logo converteu-se en musical no teatro a comezos dos anos 80, o que á súa vez propiciou unha nova adaptación ao cinema a cargo esta vez de Frank Oz. Esta é a versión mais coñecida e que se fixo popular grazas a un elenco de estrelas lideradas por Rick Moranis, Ellen Greene e Steve Martin, ademais da aparición de Jim Belushi, John Candy, Christopher Guest, Miriam Margolyes e Bill Murray en diferentes cameos.