Doc Savage chega por fin á tele

32

A Sony Pictures Television, a Original Film e mais Condé Nast Entertainment van-se asociar para produciren conxuntamente Doc Savage, unha nova série de televisión baseada no clásico persoaxe homónimo das novelas pulp dos anos 30.

A história irá sobre as aventuras do Home de Bronce, que inclúen dinosáuros, sociedades secretas, maléficos falcatruáns, aparellos e armas fantásticas, trampas mortais, fugas no derradeiro instante e confabulacións para governar o mundo.

O persoaxe de Doc Savage, cuxo verdadeiro nome é Clark Savage Jr, foi creado polo executivo Henry W. Ralston e mais o editor John L. Nanovic e é un médico, científico, aventureiro, detective, inventor, explorador, investigador e mesmo músico. Unha equipa de científicos reunidos polo seu pai adestrou a súa mente e o seu corpo para acadar habilidades case superhumanas, dándo-lle forza e resistencia, memória fotográfica, domínio das artes marciais e coñecemento das ciéncias. Ademais, é un mestre dos disfraces e imitador de voces. E por suposto, utiliza dos seus poderes para facer o ben e loitar contra as inxustizas.

Neal H. Moritz, Pavun Shetty, Oren Katzeff e Jon Koa son os produtores executivos. A Original Film xa conta no seu haber con algunhas adaptacións de éxito, coma a recente The Boys ou Preacher.

Ainda que xa conta con várias adaptacións ao cinema, ao cómic e na rádio, esta é a primeira vez que se fai unha versión para a tele. Anteriormente houbo algúns proxectos que non chegaron cuallar: en 2013 cun guión de Shane Black, e logo cunha versión que ía protagonizar Dwayne Johnson en 2016.