Eli Roth dirixirá Borderlands

661

O realizador especializado no xénero de terror Eli Roth (Hostel, Cabin Fever) dirixirá a adaptación ao cinema da franquía de videoxogos Borderlands para a Lionsgate e a Picturestart.

Borderlands é unha série de videoxogos de acción e de rol nun contorno de Western de ciéncia-ficción, creada por Gearbox Software e publicada pola 2K Games para múltiples plataformas. Polo momento hai catro títulos dispoñíbeis, con moitas opcións extra para descargar: Borderlands (2009), Borderlands 2 (2012), Borderlands: The Pre-Sequel (2014) de 2K Australia e Borderlands 3 (2019). Tales from the Borderlands (2014–2015) é pola súa banda unha secuela en forma de aventura gráfica creada por Telltale Games.

Ambientada no afastado e anárquico planeta de Pandora, as histórias van sobre un grupo de mercenários con poderes especiais que están á procura dun tesouro alieníxena do que se di que contén tecnoloxía moi avanzada. Nas súas aventuras deberán enfrontar-se á fauna salvaxe e á povoación de bandidos, e por se fora pouco, a unha megacorporación que tamén quere atopar o tesouro.

O guionista gañador dun Emmy en Chernobyl Craig Mazin encargará-se de escribir o roteiro, mentres que Avi Arad, Ari Arad e Erik Feig serán os produtores.