A triloxía de Dawn será adaptada pola Amazon

20

A directora da segunda unidade de Star Wars: The Rise of Skywalker, Victoria Mahoney, e mais a realizadora nominada a un Oscar Ava DuVernay (A Wrinkle in Time) van desenvolver conxuntamente Dawn, unha nova série de ciéncia-ficción para a Amazon e mais a Macro Television Studios.

A história, que é unha adaptación da novela homónima de 1987 de Octavia E. Butler, vai sobre Lilith, unha muller afroamericana que traballa con áliens para resucitar á raza humana, extinguida hai 250 anos por mor dunha guerra nuclear.

A novela é a primeira dunha triloxía publicada entre 1987 e 1989 e composta ademais polos libros Adulthood Rites e Imago, e nela explóran-se temas coma a sexualidade, xénero e raza. Charles D. King, Allen Bain, Gary Pearl e Thomas L. Carter serán os produtores executivos.

O traballo de Mahoney poderémo-lo aprezar decontado no episódio piloto da agardada série Lovecraft Country, que se estreará axiña na HBO, mentres que DuVernay está a rodar arestora outro piloto, neste caso o da adaptación á pequena pantalla do cómic DMZ, tamén para a HBO.