O lendário actor francés de orixe sueca Max von Sydow ven de morrer aos 90 anos de idade. A triste nova foi confirmada hoxe pola súa muller, a produtora Catherine Brelet, nun comunicado que dí: “É cun corazón rachado e con infinita tristura que temos a estrema dór de anunciar o falecemento de Max Von Sydow o 8 de marzo de 2020“.
A carreira de Von Sydow abrangue sete décadas: comezou traballando en 1949 mentres que a sua derradeira aparición nas pantallas foi polo de agora en 2018, dado que o seu derradeiro traballo, Echoes of the Past, aínda está por estrear. Polo médio tivo tempo de se converter nun dos rostros mais populares, aclamados e queridos do cinema, especialmente para os fans do xénero fantástico, no que cómpre salientar unha das grandes obras mestras de todos os tempos coma é The Seventh Seal (1957) que protagonizou baixo as ordes de Ingmar Bergman.
Outros traballos que lle deron unha xusta sona foron os seus papéis coma pai Merrin en The Exorcist (William Friedkin, 1973) e na súa secuela de 1977, o emperador Ming en Flash Gordon, o rei Osric en Conan the Barbarian, ou o doutor Kynes en Dune (David Lynch, 1984).
Ademais interpretou a Xesús Cristo en The Greatest Story Ever Told, ao falcatruán Ernst Stavro Blofeld no filme de James Bond Never Say Never Again, e mesmo foi a voz de Vigo o Carpatián en Ghostbusters II. Tamén foi o malvado Leland Gaunt, o dono da tenda Needful Things, o xefe de Tom Cruise na axéncia de pre-crime en Minority Report (Steven Spielberg, 2002), o xuíz Fargo en Judge Dredd, e mais recentemente, Lor San Tekka no filme de J.J. Abrams Star Wars: The Force Awakens.
Na televisión tamén fixo múltiples aparicións en séries fantásticas, comezando por Samson and Delilah en 1984 e logo no seu remake de 1996, Quo Vadis? en 1985, The Young Indiana Jones Chronicles, onde interpretou a Sigmund Freud, Solomon, Dark Kingdom: The Dragon King, e finalmente en 2016 mesmo apareceu en tres episódios de Game of Thrones. E a súa voz póde-se aínda oír en diferentes videoxogos: Ghostbusters: The Video Game, The Elder Scrolls V: Skyrim e Lego Star Wars: The Force Awaken.
Aínda que foi nominado dúas veces, non chegou gañar ningún Oscar, pero a súa carreira será sempre relembrada coma unha das mais grandes da história do cinema e o seu legado pervivirá para sempre, nos fotogramas e nos corazóns dos fans.