O cineasta de culto Stuart Gordon morreu o pasado mércores aos 72 anos de idade en Los Angeles. Polo de agora non se coñecen as causas exactas do pasamento.
Nado en Chicago, Illinois, traballou coma aprendiz de artista comercial antes de ir á universidade, onde non puido asistir ás clases e acabou por se enrolar nun curso de teatro. En 1968 fundou a súa compañía, caracterizada por un estilo extremadamente agresivo e provocador, que sempre causaba que o público abandoase o local.
Xunto co seu amigo e tamén director Brian Yuzna, Gordon foi un grande fan de H.P. Lovecraft e adaptou várias das súas obras ao cinema, entre as que se atopan Re-Animator, From Beyond e Dagon, así coma Dreams in the Witch-House para a televisión. Tamén interesou-se polo traballo de Edgar Allan Poe e dirixiu The Pit and the Pendulum en 1991 e The Black Cat para a série antolóxica de televisión Masters of Horror en 2007. En 1992 dirixiu a Christopher Lambert no filme de ciéncia-ficción Fortress.
Co paso dos anos, moitos dos seus filmes convertéron-se en clásicos de culto, e especialmente para os galegos, Dagon. Este filme de 2001, que contou coa co-produción da extinta Castelao Producciones e mais da Xunta de Galiza, foi rodado en Combarro e conta con moitas escenas nas que os persoaxes falan en galego (estas escenas foron censuradas nas versións dobradas ao español, por suposto).
Ademais, Gordon escribiu o guión do clásico familiar Honey, I Shrunk the Kids e fundou a Organic Theater Company xunto á súa esposa. E tamén dirixiu e co-escribiu o libreto para a versión ao musical de Re-Animator.
En 1968 casara coa actriz Carolyn Purdy, a quen fixo aparecer moitas veces nas súas películas, decote coma persoaxe que acababa devorado polos monstros. Tivo tres fillas, Suzanna, Jillian e Margaret, quen lle sobreviven.