Ryan Gosling será o protagonista e mais o produtor da adaptación ao cinema para a MGM de Project Hail Mary, a vindeira novela aínda sen publicar de Andy Weir, o mesmo autor de The Martian.
A história vai sobre un astronauta, a quen dará vida Gosling, nunha nave espacial que ten a misión de salvar o planeta, e o mesmo ca The Martian, é un conto de ciéncia-ficción que tenta achegar-se o mais posíbel á realidade científica e que conta cun protagonista que destaca polo seu enxeño e polos seus xiros argumentáis. O libro aínda non está á venda e aparecerá ao longo desta primavera nas tendas.
Ainda que Project Hail Mary podería-se traducir ao galego coma “Proxecto Ave María”, o certo é que “Hail Mary” é unha maneira de nomear en inglés ás xogadas case imposíbeis nos deportes, coma cando só quedan uns segundos para rematar o partido e alguén tira a porta á desesperada, así que xa nos podemos imaxinar que a misión do astronauta non vai ser precisamente doada.
A MGM está a manter negociacións en exclusiva para se facer cos dereitos sobre a devandita propriedade, que producirán tamén Ken Kao e Michael De Luca. O prezo segundo din ten sete cifras e todo fai pensar que o acordo se acadará axiña.
Weir conta asemade con outra novela de ciéncia-ficción, Artemis, que tamén podería chegar ao cinema, esta vez cun proxecto de Phil Lord e Chris Miller.