Dauberman dirixirá o remake de Salem’s Lot

551

O realizador e guionista Gary Dauberman ven de pechar un acordo coa New Line polo que se converterá no director da agardada nova adaptación ao cinema da emblemática novela de vampiros orixinal de Stephen King Salem’s Lot.

A novela, publicada por primeira vez en 1975, vai sobre un escritor que regresa á súa vila natal para escribir sobre unha mansión abandoada que ven de ser adquirida por un home misterioso. Axiña decatará-se de que os habitantes da vila están a se converter pouco a pouco en vampiros, mentres que o escritor debe axuntar a un grupo do mais diverso para tentar evitar que a vaga se espalle.

Dauberman xa estaba a bordo deste proxecto coma guionista, mentres que James Wan, Roy Lee e Mark Wolper serán os produtores. Dauberman non é nin moito menos un recén chegado ao xénero de terror nin ás adaptacións de King, porque é asemade o escritor dos dous guións dos senllos capítulos de IT e das catro spin-offs da saga de The Conjuring: Annabelle (2014), Annabelle: Creation (2017), The Nun (2018) e Annabelle Comes Home.

Salem’s Lot fora previamente adaptado á pequena pantalla nun telefilme de Tobe Hooper en 1979 e nunha minisérie protagonizada por Rob Lowe en 2004, pero ningunha delas é considerada coma boa abondo coma para ser a definitiva. A Epix está pola súa banda a traballar nunha série precuela titulada Jerusalem’s Lot e que conta con Adrien Brody coma protagonista.