Artemis Fowl estreará-se o 12 de xuño

525

A Disney ven de anunciar xa oficialmente que a estrea do seu agardado filme Artemis Fowl chegará finalmente o vindeiro 12 de xuño, pero será directamente na plataforma Disney+ e non nas salas de cinema, que van continuar pechadas en todo o mundo durante moitos meses mais.

A adaptación dirixida por Kenneth Branagh estaba prevista para se estrear orixinalmente o 29 de maio, despois de que xa fora adiada dende a súa primeira previsión para o 29 de agosto de 2019, pero a Disney decidiu a semana pasada que non habería debut no cinema senón directamente na súa recén estreada plataforma de vídeo baixo demanda, a Disney+.

A história vai sobre o xenial neno de 12 anos Artemis Fowl, descendente dunha longa liñaxe de criminosos, e das aventuras que vive ao se ver inmerso nunha batalla de forza e enxeño contra unha poderosa raza de fadas que podería estar atrás da desaparición de seu pai. Os protagonistas do filme son Ferdia Shaw, Lara McDonnell, Colin Farrell, Tamara Smart, Nonzo Anozie, Josh Gad e Judi Dench.

Nun comunicado, o director Kenneth Branagh dixo: “Artemis Fowl é un orixinal auténtico. Nestes tempos desafiantes, un neno mestre do crime de 12 anos é un tremendo compañeiro de travesía. Intelixente, divertido e guai coma a mostaza, levará-te a novos mundos, atoparás persoaxes inesquecíbeis e misturará máxia co caos. A súa família o é todo para el, e (aínda que el nunca o admitiría), estaría tan orgulloso coma min de que as famílias de todo o mundo poidan disfrutar a súa primeira aventura nas pantallas xuntos, na Disney+“.