Nunha difícil poxa, a Amazon Studios ven de adquirir os dereitos para levar ás pantallas The Left Right Game, un podcast de ciéncia-ficción e mistério en dez partes orixinal da produtora QCode. A californiana Tessa Thompson, quen é a voz protagonista no podcast xunto a Aml Ameen e W. Early Brown, será a produtora.
A actriz, a quen puidemos ver en Thor: Ragnarok e en Westworld, é a estrela deste áudio-drama no papel dunha xornalista de grandes ideais que tenta facer-se un nome seguindo a un grupo de exploradores do paranormal obsesionados cun pasatempo que semella ser inofensivo e ao que chaman o “Xogo Esquerda/Dereita”. As súas regras son sinxelas: monta no teu coche e conduce. Xira á esquerda, logo en canto sexa posíbel á dereita, logo á esquerda. Repite o proceso até que chegues a algún sítio novo.
A viaxe levará á xornalista a un mundo sobrenatural que nin ela nin os outros membros da expedición poderán manexar. Nin sobrevivir.
Brian Kavanaugh-Jones, Fred Berger, Justin Levy, Rob Herting e David Henning serán os produtores executivos xunto a Jack Anderson, quen será ademais o encargado de escribir o guión que adaptará o áudio ás pantallas.