Francis Lawrence, que foi xa o realizador responsábel de todas as secuelas da franquía de The Hunger Games no cinema, regresará á cadeira de director para a precuela, The Ballad of Songbirds and Snakes, que produce a Lionsgate.
A película está baseada na nova novela de Suzanne Collins publicada pola editorial Scholastic e que verá a luz o vindeiro 19 de maio, e conta cun guión da mesma autora e de Michael Arndt. O seu protagonista é Coriolanus Snow á idade de 18 anos, antes de se converter no tiránico Presidente de Panem.
O mozo Coriolanus é guapo e encantador aínda que a súa família está a pasar por malos tempos. Decontado verá unha oportunidade de mudar a súa fortuna cando sexa elixido mentor dos Décimos Xogos da Fame… só para que a súa euforia se vexa truncada cando se lle asigne coma mentor da homenaxe á rapaza do empobrecido Distrito 12.
Polo de agora non hai tomada ningunha decisión ao respeito do reparto. A produción dará comezo en canto sexa posíbel após da actual crise do coronavirus. Nina Jacobson e Brad Simpson serán os produtores.
A Lionsgate xa adaptara previamente a triloxía orixinal de The Hunger Games en catro filmes que recadaron en total 3.000 millóns de dólares en todo o mundo.