A HBO quere desenvolver unha série de televisión baseada na clásica franquía de terror de Hellraiser e veñen de pechar un acordo con David Gordon Green, o responsábel de Halloween, para que dirixa o piloto e algúns mais na quenda inicial de episódios.
Esta será polo tanto a primeira vez que a emblemática franquía do malvado Pinhead, o líder dos demos cenobitas, conte cunha série de seu na pequena pantalla. El e mais os seus compañeiros de falcatruadas son antigos humáns transformados en demos que viven nun reino extradimensional, do que son ceibados grazas a unha caixa crebacabezas chamada a Caixa de Lemarchand, coa que recolleitan almas humáns.
Baseada na novela curta de Clive Barker The Hellbound Heart, a série xa forneceu dez películas, tres das cales chegaron ás salas de cinema. A nova série non será un remake, senón unha continuación e expansión da franquía, que asumirá a pasada mitoloxía no seu conxunto.
O proxecto conta con nomes senlleiros coma os de Mark Verheiden (Battlestar Gallactica, Daredevil) e Michael Dougherty (Godzilla: King of the Monsters) coma guionistas e produtores executivos. Green, Danny McBride Jody Hill, Brandon James, Roy Lee, Dan Farah, Lawrence Kuppin, David Salzman e Eric Gardner son o resto dos produtores executivos.
En todo caso, o proxecto non garda relación co filme Hellraiser que está a desenvolver a Spyglass.