O relanzamento que se planea de Battlestar Galactica no vindeiro servizo de streaming da Peacock ven de atopar un showrunner de calidade, a Michael Lesslie, quen se ocupará de crear, escribir e de ser o produtor executivo da série.
Lesslie foi o guionista líder da aclamada minisérie da AMC The Little Drummer Girl, que dirixiu Park Chan-wook adaptando unha novela de John le Carre. E ademais escribiu os guións dos filmes de Justin Kurzel Macbeth e Assassin’s Creed.
En Battlestar Galactica unirá-se ao produtor executivo de Mr. Robot e Homecoming, Sam Esmail, a quen se lle debe esta nova versión, despois do acordo ao que chegou o ano pasado coa Universal Content Productions da NBCU.
A série orixinal dos anos 70 estaba centrada no derradeiro grupo de humáns a piques da extinción despois de que unha série de guerras perdidas contra unha raza robótica que eles mesmos crearan, os Cylons, destruira as Doce Colónias. Todos os humáns que quedan están a bordo dun grupo de naves espaciais que baixo o mando da Galactica, procura a súa derradeira esperanza de sobrevivir, unha fabulosa Decimoterceira Colónia coñecida coma Terra.
A franquía foi resucitada en 2003 polo produtor e guionista de Star Trek: Deep Space Nine Ronald D. Moore, quen conseguiu crear a que é probabelmente millor história de ciéncia-ficción xamais contada na televisión, nunha série que durou até 2009 na canle Syfy. Esa versión estaba protagonizada por Edward James Olmos, Mary McDonnell, Katee Sackoff, Jaimie Bamber, Grace Park e Lucy Lawless.
A versión de Lesslie seica será unha visión nova e non gardará relación con ningunha das dúas anteriores.