A actriz australián gañadora dun Oscar Cate Blanchett está en negociacións para protagonizar no papel de Lilith un filme que adaptará á pantalla grande a série de videoxogos Borderlands para a Lionsgate.
Lanzado en 2009, o xogo de rol, que é un shooter en primeira persoa, está ambientado no planeta Pandora, un deserto rochoso que foi abandoado por unha mega-corporación antes dos eventos que teñen lugar no xogo e que agora se atopa en total anarquía.
Os videoxogos van sobre un grupo de mercenários superpoderosos que tentan atopar unha cripta alieníxena da que se rumorea que podería conter tecnoloxía moi avanzada, pero que ao mesmo tempo deben loitar contra a fauna local e a povoación de bandoleiros, e finalmente tentar deter ao xefe dunha empresa que quere ser o primeiro en atopar a cripta.
Lilith é unha das principais protagonistas e unha das seis mulleres da galáxia que pertencen ao poderoso grupo de “sereas” con incríbeis poderes sobrehumáns.
O guionista gañador dun Emmy por Chernobyl Craig Mazin escribiu o que é polo de agora o último esbozo. O realizador Eli Roth, quen xa traballara anteriormente con Blanchett en The House with a Clock in its Walls, será o director, e Erik Feig, Avi Arad e Ari Arad os produtores.