Os Nenos do Millo medran en Austrália

908

Un novo filme baseado no emblemático conto de terror de Stephen King Children of the Corn atópa-se nestes intres en produción ás afóras de Sydney, Austrália, onde seica é mais doado evadir as medidas de prevención por mor da vaga de coronavirus. En todo o país rexe nombergantes unha corentena obrigatória dende o pasado 23 de marzo.

A combinación de localizacións exteriores, unha equipa e mais un reparto locais, e un status coma produción independente e non suxeita ás medidas dos grandes estudos, permitiron até agora pasar desapercibida a rodaxe, que de todas as maneiras conta co apoio do departamento de saúde rexional para pór en marcha os protocolos de traballo seguro.

O proxecto “reduciu sinificativamente o seu reparto e mais o tamaño da equipa e está a implementar protocolos de saúde e de seguridade de acordo coas restricións do governo para os lugares de traballo… e mantén á policía local alertada sobre as súas operacións“, segundo deu a coñecer o seu director Kurt Wimmer (Equilibrium, Ultraviolet) para acougar á prensa.

A história orixinal, recollida na antoloxía Night Shift en 1977, vai sobre unha parella de recén casados nunha viaxe pola estrada e que pasa canda unha pequena vila en Nebraska, onde descobren que alí todos os adultos están mortos porque os nenos os sacrificaron a un deus chamado “O que camiña tras as Ringleiras” e que se ocupa de que medre o millo.

A propiedade xa fora adaptada ao cinema con anterioridade en 1984, e mesmo deu lugar a nada menos ca oito secuelas, a cada cal peor cá anterior.