O Tesouro Nacional nunha série da Disney+

1145

A franquía de National Treasure, que leva parada dende que se rematou o segundo filme en 2007, seica está a preparar a súa volta por todo o alto.

A aventura chea de acción, entre fantástica e pseudohistórica, estaba protagonizada por Nicolas Cage no papel de Benjamin Gates, un cazador de tesouros que descobre mistérios e segredos agochos na história dos Estados Unidos. Jon Voight, Diane Kruger e Justin Bartha eran os coprotagonistas.

O produtor Jerry Bruckheimer confirmou non só que hai un terceiro filme en preparación, senón que ademais queren facer asemade unha série na Disney+ dirixida aos nenos: “estamos de feito a traballar nunha [National Treasure] para streaming e noutra para a pantalla grande. Con sorte, ambas chegarán xuntas e vos ofreceremos outra National Treasure, pero ambas están moi activas… a de Disney+ ten un reparto moito mais novo. É o mesmo concepto pero cun reparto mais mozo. A das salas de cinema sería co mesmo reparto“.

Chris Bremner (Bad Boys for Life) levaba a traballar no guión para o terceiro filme dende xaneiro, e o director Jon Turtletaub ten todas as papeletas para regresar. Mesmo así, Bruckheimer recoñeceu que a série da Disney+ está realmente moi por diante no seu desenvolvemento: “A versión para o cinema está a se escribir arestora. A série de televisión está en proceso. Temos un guión para o episódio piloto e unha guía para os futuros capítulos“.

Os dous filmes anteriores contaron cun orzamento conxunto de 230 millóns de dólares e recadaron en total 805 millóns nos despachos de billetes.