Para explorar novos e estraños mundos

543

Tal e coma anunciamos o venres pasado nunha impactante exclusiva mundial narrada polos seus protagonistas, está-se xa a preparar o lanzamento dunha nova série de televisión da saga Star Trek, que se titulará Star Trek: Strange New Worlds e que contará coma estrelas con Anson Mount (o Capitán Pike), Ethan Peck (Spock) e mais Rebecca Romijn (Número Ún), é dicir, a tripulación da Enterprise que vimos na segunda tempada de Star Trek: Discovery.

A nova série, a terceira en pantalla, tentará devolver á franquía algo do senso de optimismo e positividade orixinais que semellaba perdido coas recentes Discovery e Picard, que teñen un tón mais ben sinistro e escuro. Strange New Worlds pola súa banda narrará as aventuras da Enterprise durante os anos antes de que James T. Kirk chegara a bordo coma capitán.

O co-creador e produtor executivo Akiva Goldsman anunciou que “imos tratar de volver a algúns valores clásicos de Star Trek, para sermos optimistas, e sermos mais episódicos. Obviamente, aproveitaremos a natureza serializada da construción de persoaxes e histórias. Pero coido que as nosas tramas serán mais pechadas do que se viu en Discovery ou Picard. Imaxino que será mais próximo á série orixinal mesmo que DS9. Realmente podemos contar histórias pechadas. Podemos atopar-nos en episódios que son tonalmente dunha peza.

Coido que unha cousa coa que sempre loitamos [coma fans] é que Kirk está desconsolado pola perda de Edith Keeler en ‘The City on the Edge of Forever’ e ten que estar ben a semana seguinte. Coido que o que quixéramos é que os persoaxes seguiran avanzando e recoñeceran as experiéncias que tiveron en episódios anteriores, pero que poideran contar histórias contidas e episódicas“.

A série orixinal de Star Trek ofreceu sempre episódios autoconclusivos, illados uns dos outros. The Next Generation foi tamén así principalmente, pero de vez en cando había argumentos que duraban uns poucos episódios. Deep Space Nine trouxo por primeira vez unha serialización da franquía a través de grandes arcos argumentáis coma a da Guerra do Domínio, pero sempre había espazo para ofrecer episódios que comezaban e remataban dentro da hora de duración do programa. Voyager pola súa banda achegou-se mais ao modelo de The Next Generation e a afortunadamente esquecida Enterprise empregou unha mistura de ambos modelos.

Anson Mount, Rebecca Romijn e Ethan Peck repetirán os seus papeis coma capitán Pike, a Número Un e o señor Spock respectivamente. Peck é xa todo un habitual das convencións de fans e leva apoiando a ideia desta série dende hai moito tempo: “O ano pasado, básicamente dixen-me a min mesmo que ía facer tantas convencións coma fora posíbel para conectar coa base de fans e facer campaña por unha série secuela para Anson, Rebecca e eu. Todos nos levamos moi bien, e a todos nos gustaba tanto o contido coma a mensaxe de Star Trek“.

E engadiu: “Acredito moito no que estamos a facer. Coido que nunca houbo un intre millor para Star Trek, pola súa ideoloxía. Todo vai de estarmos xuntos e usar os xeitos nos que somos diferentes os uns dos outros para obtermos avantaxes coma povo no seu conxunto“.

Polo de agora e por mor das circunstáncias da pandémia non se sabe cando poderá comezar a produción, pero o trío xa tivo unha festa de celebración esta fin de semana, aínda que fora por videoconferéncia.