Ruby Rose abandoa Batwoman

512

Ruby Rose ven de abraiar a todo o mundo ao anunciar que abandoa o seu papel coma protagonista da série Batwoman na canle The CW após de tan só unha tempada, que rematou hai dous días. A Warner Bros. Television comunicou asemade que o persoaxe será interpretado por outra actriz cando a série regrese en 2021.

A série fora renovada para unha segunda tempada xa no pasado mes de xaneiro e ía ser emitida o domingo á noite a partir do ano que ven. Rose era a estrela da série no papel de Kate Kane, unha curmá de Bruce Wayne que se converte en Batwoman.

Polo momento non se deron a coñecer os motivos da marcha de Rose, quen decontado comezou a sofrir os ataques desapiadados de supostos fans nos médios sociais. A actriz tivo que pechar a súa conta de Twitter por este motivo, pero aínda continúa aberta a de Instagram. Un posíbel motivo podería ser de carácter médico, porque nos pasados meses tivo que pasar por unha operación cirúrxica de emerxéncia despois de se herniar e estar a piques de se rachar a medula nun accidente de traballo durante a rodaxe.

Os cámbios do protagonista nunha série son moi pouco comúns após de tan só unha tempada e normalmente son motivo para reescribir o guión (coma en Doctor Who ou Babylon 5).

No seu comunicado, Rose dixo: “Tomei a moi difícil decisión de non regresar a Batwoman a vindeira tempada. Esta non foi unha decisión que tomara á lixeira porque teño o máximo respecto polo reparto, a equipa e todo o mundo vencellado á série tanto en Vancouver coma en Los Angeles. Estou mais ca agradecida a Greg Berlanti, Sarah Schechter e Caroline Dries non só por dar-me esta incríbel oportunidade, senón por me dar a benvida ao Universo DC que tan fermosamente crearon. Grazas a Peter Roth e a Mark Pedowitz e ás equipas da Warner Bros. e The CW que puxeron tanto na série e que sempre acreditaron en min. Grazas a todos os que fixeron da tempada un éxito, estou de verdade agradecida“.

The CW, Warner Bros. TV e Berlanti Productions pola súa banda dixeron nun comunicado conxunto: “A Warner Bros. Television, The CW e mais Berlanti Productions agradecen a Ruby as súas contribucións ao éxito da nosa primeira tempada e lle desexan todo o millor. Os estudos e mais a canle están firmemente comprometidos para a segunda tempada de Batwoman e para un longo futuro, e xunto aos talentos da equipa creativa da série temos moitas ganas de compartir a nova dirección, incluíndo a contratación dunha nova actriz protagonista e membro da comunidade LGBTQ nos vindeiros meses“.