Xa está aquí o primeiro episódio da nova série Stargirl, unha forte aposta pola calidade, tanto a nivel de imaxe, coma de efectos especiais e mesmo de interpretación, que salientará sobre os clásicos da canle The CW da que forma parte. E o início semella do mais prometedor.
Nada mais comezar infórman-nos de que a Era dos Heroes rematou hai dez anos, pero curiosamente o primeiro que vemos é un coche dos anos 50. É de supoñer que para os adolescentes de hoxe en día, 2010 é algo tan lonxano coma os anos 50, as guerras napoleónicas ou o período paleolítico. Un mundo sen Instagram, é inimaxinábel! De seguido vemos unha pelexa de superheroes, onde todos os fans recoñecerán decontado aos integrantes da Sociedade da Xustiza de América, na súa derradeira batalla. E o derradeiro heroe en caer é Starman.
Pero o legado da Sociedade da Xustiza debe continuar, alguén debe recoller o facho. E ese alguén é a nosa protagonista, Courtney Whitmore. A rapaza ten 15 anos e ven de se mudar a unha pequena e esquecida vila de Nebraska xunto ao novo marido de súa nai. O marido resultará ser Stripesy, o axudante de Starman e actual gardián do Bastón Cósmico, a arma de Starman que só pode refulxir nas mans de quen considere axeitado para o posto. E o Bastón ten unha opinión de seu…
Stargirl é outra série mais de superheroes, afastada por fin do baixo orzamento do Arrowverso aínda que sen chegar nin moito menos ao nivel para adultos de Titans e Doom Patrol. A ideia é facer un produto de calidade para os adolescentes, algo novo e que non só a rapazada agradecerá, senón tamén todos os fans da DC, abandoados á súa sorte até agora. Gran comezo e benvida sexa!