Beedle o Bardo ao cinema?

1194

Non debería abraiar a ninguén saber que a Warner Brothers quere mais Harry Potter. O derradeiro libro da saga fantástica de J.K. Rowling xa está preparado para dar o chimpo á pantalla grande, pero cando se remate deixará á Warners sen unha das suas principais e mais fiábeis fontes de ingresos. E sabendo que o tren da máxia chega á súa estación terminal, a WB quere tirar mais proveito de Potter. Segundo vimos de saber, teñen o proxecto de pasar ao cinema outro libro de J.K. Rowling: The Tales of Beedle The Bard.

Os contos de Beedle o Bardo (The Tales of Beedle The Bard) é un libro dentro dun libro. A primeira referéncia apareceu en Harry Potter e as Relíquias da Morte, onde se fala del coma un libro de contos lido polos nenos no mundo máxico de Harry Potter. É unha colección de cinco histórias totalmente independentes que Rowling finalmente escribiu e publicou.

As cinco histórias incluidas en Beedle o Bardo son: The Wizard and the Hopping Pot, sobre o fillo dun meigo que hereda un caldeiro cun pe; The Fountain of Fair Fortune, sobre unha fonte onde a xente que se baña nela ve resoltos os seus problemas; The Warlock’s Hairy Heart, sobre un bruxo que utiliza máxia negra para evitar caer namorado; Babbitty Rabbitty and her Cackling Stump, sobre un rei que desexa ficar con toda a máxia para el, pero é vencido por un tocón que rí, e The Tale of the Three Brothers, sobre tres irmáns viaxeiros a quen a morte lles concedeu os seus desexos.

Ningunha desas histórias semella ter conexións entre elas, o que fai especialmente difícil para a Warners encaixa-las nunha soa película… así que poderían ser cinco? Iso semellaría pouco intelixente, xa que son contos curtos e non hai material abondo para facer cinco longametraxes.

A Warners ainda non ten decidido como facer este traballo, pero que ten un forte interese en converter Os contos de Beedle o Bardo en cinema semella moi claro.