A Liga da Xustiza de Snyder, na HBO Max

Xa é oficial: a versión do filme Justice League de Zack Snyder non só existe, coma se rumoreou durante moito tempo, senón que ademáis vai chegar ao servizo de streaming da HBO Max proximamente.

As novas da existencia desta versión, alcumada Snydercut polos fans, remóntan-se case até o intre no que o filme foi estreado en 2017. Daquela, moitos fans ficaron decepcionados perante o filme, do que se agardaba moito mais, e comezaron os rumores da existéncia doutra versión, editada por Snyder antes de ser despedido coma director da película. En febreiro comezou nas redes unha campaña para que se permitise a estrea desa versión, da que até agora os estudos negaban a súa mesma existéncia.

Snyder pasou boa parte dos últimos meses dando a entender de xeito non moi director que a súa versión existía, filtrando fotos da rodaxe e dicindo que non era un mito. A semana pasada as discusións sobre a estrea comezaron en sério, e o xoves chegou a nova de que o filme se estrearía en 2021, unha versión que seica é de catro horas e que se dividirá en seis capítulos para captar mais audiéncia.

O mesmo Snyder será o encargado da postprodución, xunto á súa equipa orixinal, e de rematar os efectos especiais. É mesmo posíbel que traia de volta a algúns dos actores para gravar diálogos adicionais. En total, a nova versión terá un orzamento de seu de ao redor de 30 millóns de dólares.