Aínda que o seu proxecto de 30 Monedas está no limbo e pendente de estrea na HBO Europe, o director basco Álex de la Iglesia xa ten un novo traballo no eido do terror fantástico. Neste caso é un acordo coa Sony Pictures International e Amazon Prime Video para producir unha antoloxía de filmes baixo a marca The Fear Collection.
Producidas pola Pokeepsie Films, a compañía fundada por el e por Carolina Bang xunto á Amazon, a ideia é estrear nos cinemas do estado español e despois pasar á Amazon. A Sony encargaría-se dos dereitos de distribución internacionais, onde só aparecerán no mercado de streaming.
“A clave está en facer unha serie de películas que amosen un universo de terror alén do tempo. Os persoaxes enfróntan-se a forzas sobrenaturais que ameazan á humanidade. A ideia é xerar un selo con tón específico de Horror Cósmico“, explicou Álex de la Iglesia, aludindo á literatura de H.P. Lovecraft.
De la Iglesia dirixirá e producirá vários destes filmes e supervisará a escolma, na que se conta con Jaume Balagueró, Paula Ortiz, Fernando Navarro e Carlos Therón. Jorge Guerricaechevarría, guionista colaborador habitual de de la Iglesia, estará igualmente vencellado. O obxectivo será producir dúas películas ao ano con directores e guionistas do xénero.