Blanchett úne-se a Borderlands

34

A Lionsgate ven de anunciar oficialmente que a gañadora dun Oscar Cate Blanchett protagonizará a adaptación ao cinema da franquía de videoxogos Borderlands baixo a dirección de Eli Roth.

Blanchett liderará o reparto no papel de Lilith, unha serea e lendária ladroa dotada con poderes máxicos. O videoxogo, que mistura o shooter en primeira persoa co xogo de rol, lanzou-se por primeira vez en 2009 e está ambientado no planeta Pandora, un deserto cheo de rochas abandoado por unha megacorporación e que está en total anarquía.

Os xogos van sobre un grupo de mercenários con poderes especiais que tentan atopar unha cripta alieníxena que seica contén tecnoloxía moi avanzada. mentres loitan contra a fauna local e os bandoleiros, un exército privado quere chegar á cripta antes ca eles.

Craig Mazin, gañador dun Emmy por Chernobyl, será o guionista deste filme dirixido por Eli Roth, quen xa traballara anteriormente con Blanchett en The House with a Clock in its Walls. Erik Feig, Avi Arad e Ari Arad son os produtores.

Nun comunicado, Roth dixo: “Son moi afortunado de ter á sensacional Cate Blanchett protagonizando Borderlands. Xa tivemos a colabouración mais incríbel en The House with a Clock in Its Walls, e coido que non hai nada que ela non poida facer. Do drama á comédia e agora á acción, Cate fai que todas as escenas canten. Traballar con ela é realmente o soño dun director feito realidade, e eu me sinto tan afortunado de face-lo outra vez a unha escala aínda maior. Todo o mundo trae o millor de seu para traballar con Cate, e sei que xuntos imos crear outro persoaxe emblemático na súa xa histórica carreira“.