Freddy volve a Elm Street

767

Freddy KruegerOs sócios da Platinum Dunes Michael Bay, Brad Fuller e Andrew Form apostan por relanzar a saga de Pesadelo en Elm Street para os estudos New Line Cinema.

A série, que escomezou en 1984 co filme de Wes Craven Pesadelo en Elm Street, céntra-se no icónico asasino das poutas de ferro Freddy Krueger, que enmeiga os soños dos adolescentes e mátaos mentres durmen. Orixinalmente interpretado por Robert Englund, Freddy apareceu en nove filmes e dúas séries de televisión e foi a franquía máis lucrativa da New Line até O Señor dos Aneis.

O proxecto non é o primeiro intento de revivir unha série de terror por parte do trío de produtores, que están a preparar nestes intres o comezo da rodaxe do novo Venres 13 para maio. Ese filme, dun guión dos autores de Freddy vs. Jason Damian Shannon e Mark Swift, será dirixido por Marcus Nispel, quen previamente xa traballara con Platinum Dunes no recente remake da Matanza de Texas.

Na Rogue Pictures, a equipa da Platinum Dunes está a preparar un thriller de exorcismos que será dirixido por David Goyer e mais un remake de Near Dark que realizará Samuel Bayer. Bay, Fuller e Form están a desenvolver asemade un remake do clásico da Universal de Alfred Hitchcock Os Paxaros, con Martin Campbell dirixindo a Naomi Watts.