Fúria de Titáns en Tenerife

855

Pasaron 42 anos desde que a illa de Tenerife acolleu por última vez a rodaxe dunha superprodución de Hollywood. Foi no ano 1966 cando Raquel Welch e John Richardson filmaron no Teide Fai un millón de anos. En 2009 o Parque Nacional, recentemente declarado Património da Humanidade, será de novo o escenário dun proxecto de envergadura, pois a Warner Brothers rodará o remake de Fúria de Titans (Desmond Davis, 1981) na illa entre maio e xuño. O Parque Nacional de Timanfaya, en Lanzarote, tamén foi selecionado como enclave para filmar os exteriores desta produción que será dirixida polo francés Louis Leterrier, responsábel de O incríbel Hulk, entre outros títulos.

O igual cá sua predecesora, a nova versión recreará un clásico da mitoloxia grega, pero ainda se descoñece o nome dos seus protagonistas. O filme de 1981 fora interpretada por Harry Hamlin, Laurence Olivier e Ursula Andress.

Cómpre destacar que o produtor executivo da Warner, Kevin Dela Noy, vencellado a outros títulos coma O cabaleiro escuro, visitou en dúas ocasións a illa co obxectivo de comprobar os seus escenários. Segundo semella, Dela Noy chegou acompañado polo localizador Robin Higgs, que traballou en títulos coma Piratas do Caribe ou Casino Royale, e ambos deron un informe positivo ao director do filme, que irá a Tenerife antes de que remate o ano para dar o visto bo definitivo.

A rodaxe íntegra do filme durará unhas vinte semanas e completará-se con exteriores en Etiopía e Islándia, mentres que as escenas en interiores se filmarán en Londres.

Fúria de Titáns é unha superprodución cuxo orzamento ascende a 80 millóns de dólares, e se estima que o impacto económico que esta gravación terá nas illas será duns tres millóns. Os benefícios para as entidades locais traducirán-se en servizos de hoteis, pois se desplazarán até Tenerife unhas 250 persoas, pequenas produtoras, cátering e transporte, entre outros sectores.