O realizador irlandés Lee Cronin, quen dirixiu en 2019 o aclamado filme de terror The Hole in the Ground, ven de ser contratado para se facer cargo, coma director e guionista, da vindeira entrega da saga de Evil Dead.
O actor Bruce Campbell, quen interpretou ao principal persoaxe da série, Ash Williams, tanto no cinema coma na televisión, confirmou esta semana nunha entrevista que a nova película da franquía está en marcha: “Veño de colgar o teléfone despois de falar con Lee Cronin, que vai escribir e dirixir a vindeira ‘Evil Dead’. Vai-se titular Evil Dead Now. Sam [Raimi] escolleu a Lee – quen fixo unha película guai chamada The Hole In The Ground. Imos comezar esta movida tan axiña coma poidamos“.
Cronin tamén dirixiu un episódio da nova série antolóxica de terror de Sam Raimi na Quibi, 50 States of Fright, así que xa conta con experiéncia traballando con Raimi. Campbell confirma que o novo filme non será unha continuación dos tres filmes orixinais nin da série de televisión, e que tampouco será unha secuela directa do remake de Fede Álvarez de 2013. Mais ben será algo de seu:
“Dende agora en adiante, van ser autoconclusivas. O que está moi ben. E é liberador. Poderás ter heroes distintos, distintas heroínas neste caso. Este vai ser un pouco mais dinámico. Queremos manter a série ao día. E o mantra, realmente, é que os nosos heroes e heroínas son xente normal. Iso é o que imos continuar“.