Sawyer, despedido de The Flash

32

Nos actuais tempos de tensión política e racial nos Estados Unidos, para os famosos este sería un bó intre para revisar e eliminar certas cousas publicadas en Twitter. O non face-lo pode traer consecuéncias. E de feito, o actor Hartley Sawyer ven de ser despedido fulminantemente da série The Flash na canle The CW após de que ao longo da pasada semana se deran a coñecer unha chea de vellos chíos contendo frases racistas e misóxinas.

Os chíos, todos eles publicados entre 2012 e 2014 e antes de que se unira á devandita série de televisión, fan referéncia a asaltos sexuais e conteñen linguaxe racista e homófoba. A conta de Sawyer en Twitter foi xa eliminada, pero aínda circulan online capturas de pantalla realizadas ao longo dos últimos quince días.

The CW, a Warner Bros. TV, a Berlanti Productions e mais o produtor executivo Eric Wallace emitiron o seguinte comunicado conxunto:

Hartley Sawyer non volverá para a sétima tempada de The Flash. Respeito ás mensaxes do Sr. Sawyer nos médios sociais, non toleramos comentários despectivos sobre raza, étnia, nacionalidade, xénero ou orientación sexual. Tales comentários son contrários aos nosos valores e políticas, que se esforzan e evolucionan para promover un ambiente seguro, inclusivo e produtivo para a nosa forza de traballo“.

Sawyer interpretou a Elongated Man/Ralph Dibney na série e foi un dos principais persoaxes dende a cuarta até a sexta tempadas. Nun comunicado persoal en Instagram, publicou unha desculpa:

As miñas palabras, independentemente de teren sentido coma un intento de humor, foron ferintes e inaceptábeis. Dá-me vergonza de ser capaz deses horríbeis intentos de chamar a atención nese momento. Arrepínto-me profundamente. Este non foi un comportamento aceptábel. Foron palabras que lancei daquela sen pensar ou recoñecer o dano que as miñas verbas podían facer, e que agora fixeron hoxe“.

A produción de The Flash atópa-se nunha pausa forzada pola crise da corona e os tres episódios finais da sexta tempada pasarán directamente á sétima. O mais probábel é que haxa que refacer o guión para incluír a repentina auséncia de Sawyer.