Horrorstör ou o inferno dos mobles

A New Republic Pictures (responsábel do recente éxito 1917) ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema a novela supervendas Horrorstör, publicada en 2013 e orixinal de Grady Hendrix.

O libro é unha comédia de terror ambientada nunha tenda de mobles en Cleveland, Ohio onde os empregados chegan cada mañán e atopan mancheas de produtos esnaquizados. As vendas caen, as cámaras de seguridade non detectan ren, e os directores da tenda entran en pánico.

Para resolver o mistério, tres empregados preséntan-se voluntários para traballar na quenda de noite e planean patrullar polos corredores. Alí atoparán cousas terríbeis que desafían á imaxinación.

Segundo o mesmo autor, é o lugar perfecto para un conto de casas enmeigadas: “cheo de corredores infinitos, pantasmas asasinas e nomes incomprensíbeis en falso escandinavo“.

O proxecto estaba destinado con anterioridade para ser unha série de televisión producida por Charlie Kaufman, Gail Berman e Josh Schwartz na Fox, e logo pasou á AMC, pero ningunha das dúas canles puido facer realidade a súa ideia.