Un robot protagonizará un filme

559

As compañias americanas Bondit Media Capital e Ten Ten Global Media e mais a belga Happy Moon Productions veñen de chegar a un acordo polo que financiarán un filme de ciéncia-ficción cun orzamento de 70 millóns de dólares e que será o primeiro que contará cun actor artificialmente intelixente.

A história é orixinal do supervisor de efectos especiais Eric Pham, do actor exípcio Tarek Zohdy e do escritor Sam Khoze, e vai sobre un científico que descobre os perigos asociados a un programa que el mesmo creou para perfeccionar o ADN humán, e que axuda a unha muller artificialmente intelixente (Erica) a escapar.

Os científicos xaponeses Hiroshi Ishiguro e Kohei Ogawa, quen crearon a Erica na vida real coma parte do seus estudos sobre robótica, tamén a aprenderon a actuar, aplicando os princípios do método aplicados á intelixéncia artificial.

Nunha nota de prensa, Khoze dixo: “Noutros métodos de actuación, os actores vencellan as súas própias experiéncias vitais co papel. Pero Erica non ten experiéncias vitais. Foi creada dende cero para interpretar o papel. Tivemos que simular os seus movementos e emocións a través de sesións individuais, como controlar a velocidade dos seus movementos, falar a través dos seus sentimentos e adestrar o desenvolvemento do persoaxe e mais a linguaxe corporal“.

Erica ía debutar inicialmente noutro proxecto dirixido por Tony Kaye (American History X) pero tivo que se adiar por mor de problemas de axenda. Os actores que coprotagonizarán o filme canda Erica e mais o director aínda non se deron a coñecer, pero algunhas das escenas xa se rodaron en Xapón en 2019. O resto da rodaxe terá lugar en Europa o verán que ven.