A versión de Disco Elysium para a TV

908

A compañía de videoxogos independente ZA/UM unirá-se á produtora dj2 Entertainment para desenvolveren unha série de televisión baseada no videoxogo de éxito de 2019 Disco Elysium, que recibiu unha chea de loanzas da crítica.

Baseado nun universo creado na novela de 2013 de Robert Kurvitz Sacred and Terrible Air, o xogo vai sobre un veterán detective cun misterioso pasado que debe resolver un crime que ameaza con enfrontar a distintas faccións políticas e ocasionar unha guerra civil.

O xogo gañou catro Prémios Game Awards, incluíndo os de millor narración e millor xogo independente, e tres BAFTA, e foi nomeado pola revista Time coma un dos tres millores videoxogos da década.

Polo de agora non hai guionista, canle ou servizo de streaming vencellado ao proxecto, pero as xuntanzas entre os responsábeis están aínda a se producir e seica están á procura de escritores. O xefe da dj2, Dmitri M. Johnson, foi xa o coprodutor do filme Sonic the Hedgehog e será o produtor executivo da nova série de televisión Sleeping Dogs, que protagonizará Donnie Yen.